Franck Sastre, artista e cita televisiva sorpresa de Ana Obregón
Franck Xastre Cadel é licenciado en Bioloxía e Xeoloxía e fixo o primeiro ciclo de Enxeñería Industrial. Fala inglés, francés, castelán, catalán e ruso. Con todo desde pequeno o seu era a vea artística e a iso adícase profesionalmente.
Artista autodidacta, de corte neoexpresionista próximo a Basquiat, resulta máis recoñecido fóra de Galicia e de España, que no territorio patrio. Acábao de encomiar a revista ArtisSpectrum e reclámano as galerías neoyorkinas. Un home tan viaxado e tan cosmopolita fixou unha das súas residencias en Pontevedra porque di que é un exemplo de cidade amable para vivir, para gozala e paseala.
Hai anos a modo de anécdota comezou a “decorar” con sprays os sumidoiros. Aquela anécdota quedouse en case unha promesa: por cada cidade que pasa decora un sumidoiro.
Pontevedra non é menos, así que Franck propón neste Cara a cara de PontevedraViva Radio, que quen escriba o seu comentario sinalando cal é a localización, regala un debuxo. Outro paradoxo, este feito que en España pode ser motivo de multa, no estranxeiro encomiárono como unha forma de arte urbana.
Tras todo este prólogo, o motivo inicial polo que o chamabamos era a súa aparición televisiva no programa “First dates”. Alá polo mes de febreiro, con motivo dun especial de San Valentín propuxéronlle unha cita sorpresa. Descoñecía quen sería a súa cita; e a súa cita tamén. Quen resultou ser? Ana Obregón, coa que comparte algunhas circunstancias semellantes e coa que, coas reservas que obriga o programa, mantén unha amizade.
E outro feito que chama a atención da vida de Franck, como cumpriu unha das súas aspiracións vitais, ser pai. E ata aquí podemos contar…pero pódese escoitar.